Sunday 05 de May de 2024

A Xunta encargará unha enquisa para coñecer a percepción da cidadanía sobre os procesos de fusión municipal


― A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu hoxe a primeira reunión da comisión de seguimento do convenio entre a Xunta e a Fundación Juana de Vega para o estudo da planta local galega e o impulso de novas fusións municipais, no que se enmarca esta enquisa

― No encontro de hoxe abordáronse as preguntas desta enquisa que está previsto realizar a finais de xaneiro con especial incidencia nos municipios rurais e os dous concellos fusionados ata agora, Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade

― Incluirá a opinión da poboación sobre o tamaño actual dos concellos, o seu interese sobre as fusións e outros procesos de redimensionamento municipal, así como a súa percepción sobre as consecuencias da remodelación da planta local

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou esta mañá nunha reunión con persoal da Fundación Juana de Vega e un equipo multidisciplinar das 3 universidades galegas, para constituír a comisión de seguimento do convenio entre a Xunta e a organización para o estudo da planta local galega e o impulso de novos procesos de fusión municipal. A comisión está integrada por expertos con experiencia na realización de estudos relacionados co municipalismo e na caracterización socio-económica e demográfica dos concellos de Galicia.

No encontro de hoxe tamén se avaliaron os primeiros contidos do estudo que concretará os resultados do proxecto, entre eles a enquisa que se realizará á poboación galega para coñecer a súa opinión sobre os procesos de fusión de concellos. Así abordáronse as preguntas das que constará esta enquisa que encargará a Xunta e se fará a finais de xaneiro a unha mostra representativa da cidadanía galega, con especial incidencia nos municipios máis rurais e nos dous municipios fusionados en Galicia: Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade.

A enquisa rematará de perfilarse no próximo encontro previsto para finais de mes e pretende coñecer a opinión da poboación sobre o tamaño actual dos concellos, o seu interese sobre as fusións e outros procesos de redimensionamento municipal, así como a súa percepción sobre as consecuencias da remodelación da planta municipal. Tamén están previstas entrevistas a representantes políticos e a expertos sobre as diferentes alternativas coas que racionalizar o mapa local actual.

Durante a reunión tratáronse tamén aspectos dalgúns bloques do estudo, en concreto, os relacionados co marco político. Entre os contidos previstos inclúese tamén a análise dos procesos de fusión desde as perspectivas xeográfica e demográfica, económica e sociolóxica, xunto coa avaliación das experiencias de fusións en Galicia e propostas de actuación para incentivar os procesos de redimensionamento da planta local galega.

A Xunta destina 72.600 euros a este proxecto, que estenderá a súa vixencia ata o 31 de outubro de 2022. O acordo ten como principal obxectivo abrir un debate sobre a necesidade de actualizar o mapa político-administrativo de Galicia, así como avaliar se a planta municipal é eficiente, estudar alternativas que melloren a súa eficacia e mitiguen os problemas que xera o despoboamento e formular propostas que incentiven novos procesos.
Galicia foi pioneira foi pioneira no impulso das fusións municipais ao entender que, coa dispersión da poboación, os concellos pequenos cada vez teñen máis dificultades para xestionar e financiar os servizos que a súa veciñanza precisa, de aí que a Administración autonómica premie nas súas convocatorias de axudas públicas aquelas que cheguen de mancomunidades o entidades asociadas.

Os catro concellos fusionados en Galicia nos últimos anos poden beneficiarse das partidas destinadas ao fondo especial de fusións -que ascenderon a máis de 10,5 millóns de euros no período 2016-2021-, e recibiron a práctica totalidade das axudas convocadas para as entidades locais que comparten servizos públicos.

Nesta liña, a Xunta seguirá favorecendo os procesos de fusións con axudas aos concellos que, de maneira voluntaria, opten por esa figura administrativa. De feito, nos Orzamentos para o 2022 figura para tal fin unha partida de 1,5 millóns de euros.